Sunday 05 de May de 2024

Os Concellos de Boqueixón e Vedra poñen en valor a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o Miñoto Ribeiro a través dun campo de voluntariado


“Visualizando camiños” contou con nove persoas participantes de distintos puntos de España e unha de México

Os Concellos de Boqueixón e Vedra veñen de realizar conxuntamente o campo de voluntariado “Visualizando Camiños”, no que participaron nove rapaces e rapazas de distintos puntos de España e unha de México. Unha iniciativa que tivo lugar do 15 ao 26 de xullo e que permitiu recoller información e realizar unha campaña dinamizadora dos camiños de Santiago que atravesan ambos os dous municipios: a Vía da Prata, o Miñoto Ribeiro e o Camiño de Inverno.

Así, estes dez mozos e mozas, de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, recolleron información en torno ao presente e pasado do Camiño de Santiago por boca das persoas maiores de Boqueixón e de Vedra. Posteriormente, percorreron estas rutas xacobeas, onde fixeron unha limpeza e recollida de residuos da Vía da Prata. Finalmente, converteron toda esa información en contidos audiovisuais que divulgaron a través das redes sociais.

A rapazada estivo aloxada no centro de formación CFEA de Sergude (Boqueixón) e foi recibida tanto polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, como polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez. Así mesmo, durante eses 11 días de visita realizaron distintas actividades complementarias como visitas a lugares ricos en patrimonio histórico y/o natural (Pico Sacro, Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, Fisterra, Santiago), actividades de animación (descenso do río Ulla en piraguas, praia…) e actividades socioculturais e etnográficas (como elaboración das tradicionais filloas de Lestedo).

O campo de voluntariado “Visualizando Camiños” foi promovido pola Consellería de Política Social e Xuventude e executado en colaboración cos concellos de Boqueixón e de Vedra.